xoves, 28 de maio de 2015

Sabela González no IES

Sabela González vén de publicar no seu Blog `Gramática de Corpos´ unha entrada onde comenta a súa visita ao noso IES, na última xornada de "Entre Libros e letras". Tendes o enlace, premendo aquí. Estas son algunhas das cousas máis interesantes que di nela. "Fun convidada como madriña do acto para botar un pequeno discursiño e para facer a entrega de premios (dar diplomas e sorrir, e nin saio con xeito en todas as fotos, mimadriña!). Ao chegar cun chisquiño de tempo puiden ver tamén a biblioteca, non só grande e ateigada de libros de fantasía con motivo do tema do acto deste ano, senón tamén cuns murais preciosos nos que os lombos dos libros levan os nomes de escritores e escritoras (e está o meu!)...Para poder escribir, hai que ler. Se me apurades, para vivir ao xeito hai que ler. Pero hai que ler de todo, ata dar co noso. Hai que ler o que a cada un e cada unha lle pete. Ler co criterio preparado e os ollos ben abertos, para decidir por nós mesmas que é o que nos aburre, que é o que nos fascina e nos fai querer máis... Aprender que non lle pode gustar todo a todos, nin ten por que. A outra conclusión, a outra cousa importante para escribir, pero tamén para a vida, é que se hai que equivocar. Moito. Hai que meter a pata ata o fondo, erguerse e volver a intentalo, polo mesmo ou outro camiño...Esta foi a miña mensaxe. Pedinlles que leran, que gozasen co que escriben, que se trabucasen e seguisen sorrintes para adiante con todas as historias da vida. Porque as historias están en todas partes (díxenlle e dígovos, por se non o sabiades), aínda que alguén vos diga o contrario. As historias escríbense en novelas, contos e poemas. Escríbense en series, pelis e videoxogos. Escríbense en tuits, blogs ou diarios agochados baixo a cama. Pero escríbense e deben escribirse. E nelas imos deixando a pegada do que somos." Moi interesante. Grazas, Sabela.

Ningún comentario: