venres, 28 de outubro de 2016

Voluntariado escolar

Como sabedes, este curso empezamos unha asignatura nova, “Voluntariado escolar”, organizada pola Biblioteca. Entre outras actividades, o alumnado que a cursa organizou unha charla de Amnistía Internacional para o 11 de novembro sobre os Dereitos Humanos, pero só é a primeira de varias accións que esperamos ir contándovos. Ata pronto!

xoves, 20 de outubro de 2016

Parabéns, Dolores!!!

Hoxe abrimos o noso blog para felicitar a Dolores Redondo, flamante gañadora do premio Planeta 2016. Lembramos con ledicia o seu paso polo noso instituto, da man de Domingo Villar e Pedro Feijóo nos Encontros en negro que celebramos en febreiro do ano pasado.
Contar con tres grandes da literatura actual foi un fito inesquecible e un placer para todos.
Agardamos con impaciencia a publicación de “Todo esto te daré”, a obra merecedora do premio, ambientada en Galicia… E a película “O guardián invisible”. O premio coincide coa celebración do “Día de las escritoras”, Una iniciativa impulsada por la Biblioteca Nacional de España, la Asociación Clásicas y Modernas para la igualdad de género en la cultura y la FEDEPE, la Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias. Leranse fragmentos de obras escritas por trinta escritoras en castelán, galego, catalán e euskera: Teresa de Jesús, Sor Juana Inés de la Cruz, Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber), Gertrudis Gómez de Avellaneda, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Gabriela Mistral, Alfonsina Storni, Rosa Chacel, María Zambrano, Mercè Rodoreda, Gloria Fuertes, Carmen Laforet, Carmen Martín Gaite e Ana María Matute entre outras. A quen máis incluiríades na lista?

mércores, 19 de outubro de 2016

Formación de usuarios

Principio de curso e acollida ao novo alumnado de 1º de ESO. Ademais das actividades de formación de usuarios, lembrade que os profesores e os compañeiros estamos para axudarvos. E neste curso coa colaboración do alumnado de Voluntariado Escolar de 2º de bacharelato…

martes, 18 de outubro de 2016

Benvidas, familias!!

Aproveitamos as reunións organizadas no instituto coas nais e pais para lembrarvos que a Biblioteca tamén é vosa… Agardámovos!!

luns, 17 de outubro de 2016

Estamos de volta¡¡¡¡

Outro curso que empezamos na Biblioteca Mª Victoria Moreno. Desta vez, desde a Consellería propóñennos o lema “Biblioteca escolar, territorio das Artes”. O lema convida a explorar fórmulas para espertar nos lectores e nas lectoras o interese por achegarse e apreciar os produtos artísticos, pero sobre todo a experimentar o pracer de expresarse a través da música, a pintura, a arquitectura, a danza, o teatro, a literatura, a escultura, as artes visuais (cine, cómic, fotografía, videocreacións, videoxogos). ... E parece que os membros da Academia do Nobel escoitaron a proposta, premiando a Bob Dylan, e vencellando así música, literatura e cultura popular.