xoves, 22 de decembro de 2016

Encontros cos autores. A Ilustración.
O pasado venres estivo na Biblioteca falando co alumnado de Debuxo Artístico o ilustrador Marcos Viso (http://marcosvisoilustracion.com/). Compartiu con nós tanto cuestións técnicas, sobre o desenvolvemento do seu traballo como ilustrador, como outras máis persoais: como chegou á ilustración, o que supón adicarse a un oficio creativo, as dificultades, as dúbidas, as satisfacións… Trouxo orixinais das súas obras xa publicadas (Todos os soños, Unha casiña branca, Parar o mundo, Vaite xa…) ou en proxecto, e explicou tanto técnicas artísticas como os pasos que hai que dar na relación cos autores, as editoriais…
A charla terá continuidade nas vindeiras semanas cun formato de obradoiro.
Grazas por todo, Marcos.


Que ler no Nadal


luns, 5 de decembro de 2016

COMPAÑEIROS


Por esas cousas que pasan, resulta que nos demos conta de que no noso blogue faltaba algo fundamental: un enlace ao blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega que, dirixido por Mariló, traballa arreo no noso IES.
Remediamos inmediatamente o lapso e aquí tedes o enlace directo ao blogue, na marxe esquerda da nosa páxina principal . Seguiremos en contacto…

xoves, 17 de novembro de 2016

VII CERTAME DE NARRATIVA


Como cada ano, e van sete, a Biblioteca, o EDL, a AMPA e diversos Departamentos didácticos colaboran na organización de diversos certames. Neste curso, seguindo o eixe ESTACIÓNS CON ARTE, proporemos varios, empezando co VII CERTAME DE NARRATIVA.
Tedes a información nas aulas e as escaleiras, pero aquí vai tamén. AGARDAMOS AS VOSAS OBRAS!!!!
 
BIBLIOTECA  MARÍA  VICTORIA  MORENO
IES GONZALO TORRENTE BALLESTER
VII CERTAME DE NARRATIVA

 1.- A Biblioteca María Victoria Moreno, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega  e a ANPA do IES Gonzalo Torrente Ballester convocan o VI certame de narrativa, no que poderán participar alumnos/as e ex-alumnos/as do instituto.
2.- As obras serán narracións orixinais e inéditas dun mínimo de 1 folio e un máximo de 5 folios, escritos a dobre espazo e por unha soa cara.
3.- O tema das historias deberá estar relacionado co eixo das actividades da Biblioteca neste curso escolar: Estacións.
4.- As obras deberán incluír en calquera parte o seguinte fragmento da obra “O SOL DO VERÁN” de CARLOS CASARES: “A partir daquel instante, o mundo borrouse dos meus ollos e dos meus oídos, a luz ferinte do sol convertiuse en néboa…”
5.- O título das obras presentadas ao concurso terá un máximo de cinco palabras.
6.- Establécense as seguintes categorías:
A. Primeiro, segundo e terceiro cursos da ESO.
B. Cuarto curso da ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos, e ex-alumnos/as.
7.-  O prazo de presentación de orixinais comezará o 4 de novembro e rematará o 2 de decembro de 2016. As obras presentaranse na biblioteca do instituto nun sobre pechado en cuxo exterior figurará un lema ou pseudónimo e a categoría pola que se participa. Entregarase outro sobre pechado co lema ou pseudónimo no exterior e en cuxo interior figurarán os seguintes datos do/a autor/a: nome e apelidos, curso e grupo (no seu caso).
8.- Un xurado integrado por profesorado, membros da ANPA e alumnado do centro seleccionará as obras gañadoras. A tal efecto, establécense dous premios (1º e 2º) en cada categoría. O xurado poderá conceder mencións a outras obras ou deixar algún premio deserto.
9.- Os premios serán os seguintes:
·         Os premiados recibirán un vale para mercar material escolar, deportivo, informático… en tendas de Pontevedra.
·         O xurado seleccionará un máximo de 10 títulos das obras participantes que serán utilizados para rotular os lombos dos libros dos murais da biblioteca.
10.- Os premios serán entregados no mes de maio, coincidindo coas actividades do “Día das Letras Galegas”.

luns, 7 de novembro de 2016

Parabéns¡¡

Hai tempo que sabemos de ti. Tres veces premiamos os teus relatos nos nosos certames literarios. E agora a Consellería recoñéceche os teus méritos concedéndoche o PREMIO EXTRAORDINARIO AO RENDEMENTO ACADÉMICO NA ESO. Moitas felicidades, e ánimo para os teus futuros retos!!!
">

venres, 28 de outubro de 2016

Voluntariado escolar

Como sabedes, este curso empezamos unha asignatura nova, “Voluntariado escolar”, organizada pola Biblioteca. Entre outras actividades, o alumnado que a cursa organizou unha charla de Amnistía Internacional para o 11 de novembro sobre os Dereitos Humanos, pero só é a primeira de varias accións que esperamos ir contándovos. Ata pronto!

xoves, 20 de outubro de 2016

Parabéns, Dolores!!!

Hoxe abrimos o noso blog para felicitar a Dolores Redondo, flamante gañadora do premio Planeta 2016. Lembramos con ledicia o seu paso polo noso instituto, da man de Domingo Villar e Pedro Feijóo nos Encontros en negro que celebramos en febreiro do ano pasado.
Contar con tres grandes da literatura actual foi un fito inesquecible e un placer para todos.
Agardamos con impaciencia a publicación de “Todo esto te daré”, a obra merecedora do premio, ambientada en Galicia… E a película “O guardián invisible”. O premio coincide coa celebración do “Día de las escritoras”, Una iniciativa impulsada por la Biblioteca Nacional de España, la Asociación Clásicas y Modernas para la igualdad de género en la cultura y la FEDEPE, la Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias. Leranse fragmentos de obras escritas por trinta escritoras en castelán, galego, catalán e euskera: Teresa de Jesús, Sor Juana Inés de la Cruz, Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber), Gertrudis Gómez de Avellaneda, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Gabriela Mistral, Alfonsina Storni, Rosa Chacel, María Zambrano, Mercè Rodoreda, Gloria Fuertes, Carmen Laforet, Carmen Martín Gaite e Ana María Matute entre outras. A quen máis incluiríades na lista?

mércores, 19 de outubro de 2016

Formación de usuarios

Principio de curso e acollida ao novo alumnado de 1º de ESO. Ademais das actividades de formación de usuarios, lembrade que os profesores e os compañeiros estamos para axudarvos. E neste curso coa colaboración do alumnado de Voluntariado Escolar de 2º de bacharelato…

martes, 18 de outubro de 2016

Benvidas, familias!!

Aproveitamos as reunións organizadas no instituto coas nais e pais para lembrarvos que a Biblioteca tamén é vosa… Agardámovos!!

luns, 17 de outubro de 2016

Estamos de volta¡¡¡¡

Outro curso que empezamos na Biblioteca Mª Victoria Moreno. Desta vez, desde a Consellería propóñennos o lema “Biblioteca escolar, territorio das Artes”. O lema convida a explorar fórmulas para espertar nos lectores e nas lectoras o interese por achegarse e apreciar os produtos artísticos, pero sobre todo a experimentar o pracer de expresarse a través da música, a pintura, a arquitectura, a danza, o teatro, a literatura, a escultura, as artes visuais (cine, cómic, fotografía, videocreacións, videoxogos). ... E parece que os membros da Academia do Nobel escoitaron a proposta, premiando a Bob Dylan, e vencellando así música, literatura e cultura popular.