xoves, 4 de xuño de 2015

Unha choiva de premios...

Nestes últimos días, divers@s alumn@s do IES recolleron premios e galardóns en certames organizados por distintas entidades municipais, culturais e pedagóxicas. Desde a Biblioteca, queremos dar os nosos parabéns a todas @s premiad@s, porque, dalgún xeito, son premios tamén para o centro. Noraboa!!! IRIA TARRÍO PAZOS: 1º PREMIO de ENSAIO SUBVERSIVO "GUILLERMO DOMÍNGUEZ" do certame organizado pola Asociación Cultural Colectivo Xelmírez e coa colaboración da Consellería de Cultura,Educación e Ordenación Universitaria. PALOMA OTERO LÓPEZ: 1º PREMIO na categoría de 2º Ciclo da ESO e Bacharelato no IX Concurso de Fotografía Matemática da IX Feira Matemática 2015. E no "Ben veñas, Maio", déixovos unha imaxe que reflicte o título desta entrada: Unha choiva de premios...

xoves, 28 de maio de 2015

Sabela González no IES

Sabela González vén de publicar no seu Blog `Gramática de Corpos´ unha entrada onde comenta a súa visita ao noso IES, na última xornada de "Entre Libros e letras". Tendes o enlace, premendo aquí. Estas son algunhas das cousas máis interesantes que di nela. "Fun convidada como madriña do acto para botar un pequeno discursiño e para facer a entrega de premios (dar diplomas e sorrir, e nin saio con xeito en todas as fotos, mimadriña!). Ao chegar cun chisquiño de tempo puiden ver tamén a biblioteca, non só grande e ateigada de libros de fantasía con motivo do tema do acto deste ano, senón tamén cuns murais preciosos nos que os lombos dos libros levan os nomes de escritores e escritoras (e está o meu!)...Para poder escribir, hai que ler. Se me apurades, para vivir ao xeito hai que ler. Pero hai que ler de todo, ata dar co noso. Hai que ler o que a cada un e cada unha lle pete. Ler co criterio preparado e os ollos ben abertos, para decidir por nós mesmas que é o que nos aburre, que é o que nos fascina e nos fai querer máis... Aprender que non lle pode gustar todo a todos, nin ten por que. A outra conclusión, a outra cousa importante para escribir, pero tamén para a vida, é que se hai que equivocar. Moito. Hai que meter a pata ata o fondo, erguerse e volver a intentalo, polo mesmo ou outro camiño...Esta foi a miña mensaxe. Pedinlles que leran, que gozasen co que escriben, que se trabucasen e seguisen sorrintes para adiante con todas as historias da vida. Porque as historias están en todas partes (díxenlle e dígovos, por se non o sabiades), aínda que alguén vos diga o contrario. As historias escríbense en novelas, contos e poemas. Escríbense en series, pelis e videoxogos. Escríbense en tuits, blogs ou diarios agochados baixo a cama. Pero escríbense e deben escribirse. E nelas imos deixando a pegada do que somos." Moi interesante. Grazas, Sabela.

luns, 25 de maio de 2015

Serafín Marcos no IES

O luns, 18 de maio, o alumnado de 3º ESO asistiu á representación que o actor Serafín Marcos fixo sobre a figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xosé Filgueira Valverde. Divertida e amena foron dous dos adxectivos que máis se escoitaron entre a rapazada.

Entrega Premios "Entre o Libro e as Letras"

O venres, día 15 de maio, e para entregar os premios do V Certame de Narrativa, II de Fotografía Matemática, I de Poesía e da VII Olimpíada Cultural, tivemos unha madriña de excepción, Sabela González, autora dunha das sagas máis exitosas da literatura galega actual, As crónicas de Landereina.Veu para entregar premios pero tamén para deleitarnos coas súas reflexións sobre a escrita e a lectura. Foi un bo día. Noraboa a tod@s @s premiados.

Entre o Libro e as Letras- 2015

Este ano, e como comentaramos no tríptico tivemos varios actuacións para celebrar o noso "Entre o libro e as letras-2015". Déixovos imaxes para lembrar uns días de moito moviemento na biblioteca. Grazas a tod@s @s que colaboraron e participaron e que permitiron que de novo, o IES fose un auténtico festival da cultura. E sobre todo, grazas ao equipo de biblioteca de CPI A cañiza que permitiunos mostrar a súa xenial exposición, "A literatura fantástica".

venres, 24 de abril de 2015

II Certame fotográfica matemática

Xa podedes votar pola fotografía que máis vos guste. Premede neste enlace VOTA e contestade a enquisa. Ánimo e que gañe o mellor. Aquí tedes un enlace para mirar as fotos participantes.

mércores, 15 de abril de 2015

PLIEGUES MATEMÁXICOS

O xoves pasado, dia 9, tivemos unha fantastica sesión de xogos matemáticos cos matemagos Fernando Blanco e Miguel Ángel Vidal. O alumnado disfrutouno de manera espacial. Aquí vos deixo un collage con algunhas imaxes do acto.

luns, 13 de abril de 2015

Entre o LIBRO e as LETRAS 2015

Xá temos o programa de actividades, organizado pola Biblioteca, coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a ANPA O Pino, para as próximas datas ( Día do Libro, Día das Letras Galegas). Igual que outros anos, veñen baixo o título de "Entre o Libro e as Letras", e comprenden actividades de moi variado xeito, como concursos de narrativa ( temos que agradecer a Sabela González que, este ano,actúa como "fada madriña" do certame) e poesía ( con Lucía Novás, como presidenta do xurado. Un luxo), charlas con escritoras ( Olalla Cociña e Sabela González), exposicións e mostra de traballos feitos polo alumnado ( "Mulleres aventureiras, viaxeiras...", " A literatura fantástica", con paneis cedidos polo CIP da Cañiza, " Sabela González", " Xosé Filgueira Valverde" ) e a VII edición da nosa "Olimpíada", con preguntas que recollen temas tratados nestas xornadas. Agardamos que, como os anos anteriores, a comunidade educativa disfrute desta oferta. Aquí vos deixo, o tríptico das xornadas:

mércores, 8 de abril de 2015

Pliegues matemáxicos

Mañá, xoves, 9 de abril, vaise celebrar, una actividade titulada : PLIEGUES MATEMÁXICOS. Dous son os magos- matemáticos: Fernando Blasco e Miguel Ángel Vidal, que desenvolverán xogos para acercar ás matemáticas ao alumnado. Este actividade realizarase no Salón de Actos, entre as 10, 25h. a 12,05 h, PARA O ALUMANDO DE 2º ESO. Fernando Blasco é Profesor Titular de Matemática Aplicada na UPM. Está interesado na divulgación científica, a relación entre educación e divulgación e na introdución da ciencia como parte da cultura. É meigo afeccionado, membro do Círculo Máxico de Madrid da Sociedade Española de Ilusionismo. Participa asiduamente como ponente en cursos de formación de profesorado, de monitores de museos científicos e en numerosos eventos de divulgación científica, dentro e fóra de España. É autor de 'Matemagia' (2007), 'El periodista Matemático' (2009) e ' Tu hijo puede ser un genio de las mates' (2013). Ha coordinado a edición de 'Gardner para principiantes' (2014)'. Colabora con RNE no programa de divulgación 'A hombros de gigantes' e é autor do blog 'Mathedonia' na plataforma da revista “Investigación y Ciencia”. Miguel Ángel Vidal Martín , licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, após 19 anos dedicados a ensinar en institutos das provincias de Ávila e Pontevedra, os últimos 6 anos no IES PEDRO FLORIANI de Redondela (Pontevedra) traballando, exclusivamente, con estudantes de PDC (Programa de Diversificación de Currículo), fundamentalmente, por adolescentes con dificultades académicas diversas. Ten escrito un libro en formato cómic en cor: “Dobrando as Mates. Proxecto con papiroflexia de toda unha tribo”, no que, mediante a papiroflexia, explico coñecementos matemáticos. Deu algunhas charlas: TEDxGalicia en 2011 e en VINA Trobada de Presentació d`Experiències d`Aplicació de Pedagogia Sistèmica a lles diferents etapes i contexts educatius (UAB), en 2013. Organizou o I Festival de Origami en Redondela, para recaudar fondos para UNICEF, no que construíron un axedrez (con papel reciclado) de vinte e cinco metros cadrados de superficie e uns cen quilos de peso.

mércores, 25 de febreiro de 2015

Imaxe resumo dos Encontros e outros agasallos...

Desde a Biblioteca do IES A Xunqueira II, a nosa amiga Pepa fai unha acertada crónica do que foi a xornada, dos temas que se trataron e da empatía que houbo entre escritores e público.Coma sempre, gracias, Pepa.

xoves, 19 de febreiro de 2015

Os Encontros na rede

Apabullados, anonadados e todos os adxectivos que querades poden ser engadidos. Sinalamos só algunhas das notas aparecidas hoxe na rede sobre os Encontros en negro. Blog de Pedro Feijoo. Non se pode explicar mellor. Ramón Rozas: gran presentador e bo amigo do IES. Manuel Bragado, editor de Xerais. E a prensa...
Gracias a todos por estar tan pretiño de nós.

Tríptico dos Encontros en Negro

Coa xornada de onte, presentábamos un triptico sobre os autores participantes. Non quedou ningunha mostra!

ENCONTROS EN NEGRO

Fantástica a xornada que disfrutamos onte no IES, con tres grandes autores do panorama literario actual: Dolores Redondo, Domingo Villar e Pedro Feijoo. O tema era a novela negra, pero tivemos a sorte de poder escoitar falar de creación, de literatura de xéneros, de produción e de vida en definitiva. Gracias aos autores pola súa maestría e gracias ao público por acudir nun día festivo en Pontevedra. Aquí tedes algunhas imaxes do encontro.

domingo, 8 de febreiro de 2015

Encontros en negro ( xornada sobre novela negra e policial)

Un auténtico luxo.Así é como o podemos definir. O mércores dezaoito de febreiro teremos no salón de actos do instituto, un deses acontecementos que non sempre son fáciles de ver nos centros de ensino. Tres dos máis recoñecidos escritores de novela, e en concreto, negra e policial, xuntaranse ás sete da tarde, para debater sobre o xénero, sobre a creación literaria ou sobre o que nos apeteza preguntarlles, pois trátase dun acto aberto á cidadanía. Dolores Redondo, autora da Triloxía de Baztán, da que se levan vendidos máis de medio millón de exemplares; Domingo Villar, creador do carismático policía vigués Leo Caldas, nas súas novelas Ollos de auga e A praia dos afogados; e Pedro Feijoo, autor da intrigante Os fillos do mar e da desasosegante A memoria da choiva, acompañarannos e seguro que coas súas anécdotas conseguirán que gocemos... ou que suframos. E con eles, un moderador de nivel: Ramón Rozas, periodista e comentarista cultural de Diario de Pontevedra. Desde a Biblioteca, animámosvos a non perder esta oportunidade.

domingo, 1 de febreiro de 2015

Día da paz e da non violencia

Na semana pasada, celebramos no IES, con diversos actos e traballos o Día Internacional da Paz e da non violencia.- Déixovos os carteis anunciadores. Nunha próxima entrega presentaremos máis imaxes ...

martes, 20 de xaneiro de 2015

Traballo "Pintando un mar para Alicia"

Xa temos un audiovisual do traballo feito neste último mes, "Pintando un mar", na Biblioteca. Leva tamén unha pequena visita ao resto das pinturas do espazo. É longo, dezasete minutos, pero o traballo o merece. Que vos guste.

venres, 16 de xaneiro de 2015

Pintando a biblio

No último mes, estivemos pintando unha nova parede da biblioteca. O alumnado de Diversificación xunto co profesor de Artes Plásticas, Manuel Martí, fixeron esta maravilla que tedes debaixo. Un mar cheo de imaxinación, de referencias, de vida e tamén, de morte. As imaxes son froito do interese do alumnado. Estades invitados. Máis adiante,faremos una presentación "como Dios manda".

mércores, 14 de xaneiro de 2015

Quince días de BD

Nestes días, ata o 26 de xaneiro, temos na biblioteca un préstamo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, grazas a maleta viaxeira, de 40 títulos dos máis interesantes nos últimos anos en banda deseñada. Estes libros están a disposición da comunidade escolar para a súa lectura. Aproveitade esta oportunidade.

QUINCE DIAS DE COMIC from biblioteca victoria moreno on Vimeo.