xoves, 28 de maio de 2015

Sabela González no IES

Sabela González vén de publicar no seu Blog `Gramática de Corpos´ unha entrada onde comenta a súa visita ao noso IES, na última xornada de "Entre Libros e letras". Tendes o enlace, premendo aquí. Estas son algunhas das cousas máis interesantes que di nela. "Fun convidada como madriña do acto para botar un pequeno discursiño e para facer a entrega de premios (dar diplomas e sorrir, e nin saio con xeito en todas as fotos, mimadriña!). Ao chegar cun chisquiño de tempo puiden ver tamén a biblioteca, non só grande e ateigada de libros de fantasía con motivo do tema do acto deste ano, senón tamén cuns murais preciosos nos que os lombos dos libros levan os nomes de escritores e escritoras (e está o meu!)...Para poder escribir, hai que ler. Se me apurades, para vivir ao xeito hai que ler. Pero hai que ler de todo, ata dar co noso. Hai que ler o que a cada un e cada unha lle pete. Ler co criterio preparado e os ollos ben abertos, para decidir por nós mesmas que é o que nos aburre, que é o que nos fascina e nos fai querer máis... Aprender que non lle pode gustar todo a todos, nin ten por que. A outra conclusión, a outra cousa importante para escribir, pero tamén para a vida, é que se hai que equivocar. Moito. Hai que meter a pata ata o fondo, erguerse e volver a intentalo, polo mesmo ou outro camiño...Esta foi a miña mensaxe. Pedinlles que leran, que gozasen co que escriben, que se trabucasen e seguisen sorrintes para adiante con todas as historias da vida. Porque as historias están en todas partes (díxenlle e dígovos, por se non o sabiades), aínda que alguén vos diga o contrario. As historias escríbense en novelas, contos e poemas. Escríbense en series, pelis e videoxogos. Escríbense en tuits, blogs ou diarios agochados baixo a cama. Pero escríbense e deben escribirse. E nelas imos deixando a pegada do que somos." Moi interesante. Grazas, Sabela.

luns, 25 de maio de 2015

Serafín Marcos no IES

O luns, 18 de maio, o alumnado de 3º ESO asistiu á representación que o actor Serafín Marcos fixo sobre a figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xosé Filgueira Valverde. Divertida e amena foron dous dos adxectivos que máis se escoitaron entre a rapazada.

Entrega Premios "Entre o Libro e as Letras"

O venres, día 15 de maio, e para entregar os premios do V Certame de Narrativa, II de Fotografía Matemática, I de Poesía e da VII Olimpíada Cultural, tivemos unha madriña de excepción, Sabela González, autora dunha das sagas máis exitosas da literatura galega actual, As crónicas de Landereina.Veu para entregar premios pero tamén para deleitarnos coas súas reflexións sobre a escrita e a lectura. Foi un bo día. Noraboa a tod@s @s premiados.

Entre o Libro e as Letras- 2015

Este ano, e como comentaramos no tríptico tivemos varios actuacións para celebrar o noso "Entre o libro e as letras-2015". Déixovos imaxes para lembrar uns días de moito moviemento na biblioteca. Grazas a tod@s @s que colaboraron e participaron e que permitiron que de novo, o IES fose un auténtico festival da cultura. E sobre todo, grazas ao equipo de biblioteca de CPI A cañiza que permitiunos mostrar a súa xenial exposición, "A literatura fantástica".